domingo, 30 de novembro de 2014

A MEMORIA DAS MULLERES

Quixeron facelas desaparecer do mundo e da Historia. Mais hoxe están aquí con nós, e con nós fican para sempre.


A memoria oral garda moitas vidas que non aparecen no formulismo frío dos documentos oficiais, nin nos libros de Historia. Porque a onda expansiva do terror atinxiu a pais e nais, a irmáns, a compañeiros e compañeiras que atravesaron tamén ese inferno de silencio, de opresión e de culpa. 
Son vítimas que permaneceron moito tempo invisíbeis, recluidas no interior das casas, pronunciadas en voz baixa, pero que hoxe están tamén con nós. Porque se houbo un alcalde perseguido, tamén houbo unha esposa excluida, encarcerada, insultada. Traemos hoxe aquí, para a mellor historia de Pontevedra, o nome de Josefina Arruti Viaño, a muller de Bibiano Fdez Osorio Tafall, presa durante 18 meses no cárcere de Pontevedra e outro ano e medio sometida a arresto domiciliario. A muller valente que defendeu a súa casa e a súa familia contra o vento e maré da intransixencia. A muller xenerosa e solidaria que acolleu no panteón familiar os restos de moitos fusilados.

Canda o concelleiro Manuel Gama e os seus irmáns Faustino e Alejandro, perseguidos con saña, estaban tamén, no sufrimento e na solidariedade, as súas irmás Custodia e Adelina. Custodia Gama Casalderrey, detida no Cuartel da Garda Civil, rapada e obrigada a varrer a rúa Michelena para escarnio público. Adelina Gama Casalderrey, forzada a partir para Arxentina, encerrada dous anos nun psiquiátrico polas secuelas do terror sufrido.
Ou todas as que tiveron que lavar a roupa das familias ben de Pontevedra porque os seus homes estaban presos ou expulsados dos seus postos de traballo. Como Amalia Bahamonde e Amalia e Peregrina Félix, compañeira e fillas do axente de arbitrios Pablo Félix Expósito, suspendido de emprego e soldo.
Coma elas moitas máis, que quixeron borrar do mundo e da historia, e que hoxe teñen un lugar aquí, entre nós, un lugar para a honra e o orgullo.


(Extracto do discurso do Alcalde de Pontevedra na homenaxe a concelleiros e persoal do concello represaliados pola Ditadura franquista)




Josefina Arruti cos tres fillos

Custodia Gama




sábado, 22 de novembro de 2014

AS ACTAS DA DIGNIDADE: ELSA OMIL


Hai moi poucas imaxes da ignominia, moi poucos rexistros do terror falanxista. En Marín moitas mulleres souberon as maneiras dos matóns e torturadores, dos violadores, dos asasinos. Ignacia Martínez Omil contou para Nomes e Voces a historia da súa familia, martirizada polas súas ideas políticas e pola pertenza á relixión evanxélica. Ignacia Martínez Omil fala con orgullo do seu pai, José Martínez Rodríguez, “Collona”, militante da CNT, presidente da Sociedade de Maquinistas, preso no Lazareto, onde se negou a confesar xunto con Celestino Poza e outros dezaseis homes valentes. Dos vellos de San Simón, comendo verzas fervidas en auga, desamparados naquel inverno húmido e frío. Dos evanxélicos de Vilar (Silleda) presos na illa pola denuncia dunha mestra. Da súa nai, traballando de costureira polas casas para alimentar a familia nos anos longos en que o pai estivo preso. E da solidariedade das peixeiras de Marín, que lle daban un peso para axudar a sobrelevar a penuria. Tamén se lembra Ignacia Martínez Omil das mulleres vestidas de falanxistas, mulleres novas “de ideas retorsidas” que a insultaban cando ía lavar ao río e na praza diante da xente: - Teñen que paghalas. -Cortar o pelo non é nada, hai que cortarlle o pescozo...

Da súa tía Elsa Omil Torres, que nacera en Boston, onde emigrara o seu pai. Elsa Omil era unha moza nova, non chegaba aos 20 anos, e traballaba na casa dun garda civil. Levárona ao cuartel de Falanxe por dicir que non, por negarse a marchar de Marín coa familia do garda civil cando lle deron un novo destino. Elsa Omil foi castigada, rapada e humillada por dicir que non e por ser dunha familia republicana. Elsa chorou até que lle secaron as bágoas (-Ai meu peliño) no medio das chanzas e dos risos dos falanxistas.

A dobre nacionalidade da moza provocou a intervención do consulado dos EEUU e o caso chegou a sair na prensa norteamericana. E Elsa Omil acabou marchando para os EEUU, mais antes quixo facer un retrato que hoxe é un icono do mal, da sombra sinistra dos criminais que a martirizaron. Mais tamén é a imaxe do compromiso e da loita. A imaxe da beleza e da dignidade. O rexistro da memoria resistente, insubmisa, rebelde. O rostro das mulleres que renacen do silencio de décadas, que volven da noite dos tempos para sentir o noso orgullo, a nosa gratitude.

Para Celso Milleiro, divulgador incansábel da memoria represaliada e resistente de Marín

sábado, 15 de novembro de 2014

AS ACTAS DA DIGNIDADE: DEMETRIO GARCÍA "O PEDRO"


Para Paula Godinho, por deitar luz sobre as memorias confiscadas. Por abrir a arca da memoria do Cambedo e descubrirnos a historia de Demetrio García

“O Demetrio era uma pessoa assim muito distinta, via-se que era uma pessoa fina. Era um atleta, uma torre” (testemuño do sr Arlindo Espírito Santo, veciño do Cambedo).
O terror prolongouse moito tempo despois de 1939. Deixou feridas profundas na pel das vítimas, na alma do miles de homes e mulleres condenados na inmensa prisión do franquismo. Daquela decretouse o silencio, a escuridade, a culpa, a morte en vida. Están por escribir cada unha das horas e dos días de humillación e vergoña. Na miseria moral dos anos 40, tamén houbo homes e mulleres que se rebelaron contra ese silencio imposto e desde os montes soñaron que podían cambiar o rumbo da historia, derrotar aquel estado de terror, vencer aquel ar irrespirábel.
Pagaron un alto prezo. Eles e as súas familias. O asasinato, a cadea, a persecución, a derrota; nalgúns casos, o trauma e a loucura marcounos para sempre. Hoxe contarei a historia de Demetrio García Álvarez, un labrego que naceu en 1912 na aldea raiana de Chás (Oimbra). Segundo algunhas fontes fugouse do Forte de San Cristóbal (Pamplona), onde estivo preso case dous anos. En 1945 intégrase nun grupo guerrilleiro que actúa na zona de Verín e Chaves. É un dos protagonistas do enfrontamento do Cambedo (20 de decembro de 1946) que había de marcalo para sempre. A el e á maior parte da súa familia. E á veciñanza daquela aldea raiana, onde naquela altura as redes de solidariedade prevalecían sobre a fronteira administrativa e os intereses dos Estados.
As fotografías da súa entrada na prisión do Porto o 23 de decembro de 1946 e da súa saída do cárcere de Lisboa o 19 de febreiro de 1965 son o relato exacto dunha existencia tronzada: máis de 18 anos dunha vida, dos 34 aos 52 anos, nas máis crueis masmorras da Ditadura salazarista, de Porto a Lisboa e ao campo de concentración de Tarrafal. E, malia o silencio, o afastamento, a tortura, entre un instante e outro, permanece un rasto da mirada desafiante, valente, decidida. Fica intacta toda a beleza e toda a dignidade daquel home que berrou ante o tribunal que o xulgaba: “Son un guerrilleiro, non son criminal. Todo o que fixen foi pola liberdade do meu pobo”.
(PD: está por escribir a súa vida de desterrado en París e Burdeos, a súa decisión de non voltar nunca; e está por escribir o sufrimento interminábel dos seus: da súa irmá Manuela, presa no cárcere do Porto, onde lle morreu o fillo de un ano, e que ficou marcada polo trauma daqueles días de terror; do seu pai Primitivo García Justo, detido e torturado; a súa irmá Celsa, tamén detida; do seu cuñado Manuel Barcia, tamén encarcerado e que dixo moito tempo despois que “sofreu maos tratos, morreu-lhe o filho, destruiram-lhe a casa e sofreu muito por sua esposa que ficou psicologicamente afectada para sempre mas ainda hoje lutaria contra o fascismo”).

sábado, 8 de novembro de 2014

AS ACTAS DO TERROR: OS VELLOS DE SAN SIMÓN


Para Antón Caeiro, que comezou a escribir o relato interminábel das vidas que quedaron para sempre na illa do amor e da morte


Presos de San Simón retratados por Pintos
Hai imaxes que fican gravadas na retina, hai miradas que te miran para sempre, hai rostos que permanecen suspendidos no tempo coma un SOS, coma a forma definitiva do silencio e do desamparo. Na crónica gráfica do Lazareto predominan as imaxes amábeis, retratos de presos en pose relaxada, rodeados de beleza e bondade. O arquivo que deixou para a historia o preso vilagarcían Dámaso Carrasco é un documento de excepcional importancia para tecer unha parte do relato da vida na illa.

Mais hai miles de imaxes que se perderon e que falan das motoras que chegaban pola noite, dos nomes pronunciados as dúas da madrugada, dos traballos forzados, dos camarotes do Upo Mendi, dos aforcados pola desesperación, da fame, da enfermidade, da miseria e o medo que eran a única verdade para miles de presos, sobre todo para os que chamaban “os vellos”.

Hai unha imaxe de San Simón que é talvez a única real; unha imaxe de corpos abatidos por todas as guerras e todas as derrotas; rostos que nos miran desde o silencio da historia e que fan preguntas; ollos que levan gravados o terror de cada un dos días de enfermidade, de frío e desamparo que viviron naquel inferno circundado de beleza e de fulgor. Son seres anónimos, esquecidos en tumbas sen nome nos cemiterios de Redondela e de Vigo, homes cuxos corpos voltaron algún día á casa para apenas sobrevivir, para lembrar o horror, para atravesar a última agonía do insomnio, da alucinación e da loucura. E para seguir facendo preguntas sobre a condición humana e sobre o porqué daquela derrota da humanidade, a razón daquel tempo de tortura, de humillación e de morte. E do interminábel silencio que veu despois, cubríndoo todo. Até que foron aparecendo as imaxes...

sábado, 1 de novembro de 2014

AS ACTAS DA DIGNIDADE: FLORES NAS GAVIAS

“Se é duro levar flores a unha tumba, éo moito máis levalas a unha gavia”

En Galiza, a partir do 18 de xullo de 1936, non era tempo para o heroísmo. E aínda así houbo heroísmo e coraxe e firmeza en moitos homes e mulleres que se enfrontaron ao fascismo, uns coas armas e os ideais, e outros coa razón das súas conviccións irrenunciábeis. A maioría destes homes e mulleres enchen aínda tumbas anónimas nos cemiterios, nas gavias, nas rías de Galiza. A maioría son mortos sen nome e sen tumba, sepultados no inmenso cemiterio do esquecemento.

Conta Evaristo Mosquera en “Catro anos a bordo dunha illa”, dous episodios da biografía de Alexandre Bóveda que dan a idea cabal da grandeza dun home que se enfrontou aos últimos momentos da vida con unha altura ética que é tamén a demostración da miseria dos seus verdugos .O primeiro corresponde á tardiña do 21 de xullo de 1936. Mosquera vai ao goberno civil (que daquela estaba no edificio da Deputación) e ao entrar encontra a Bóveda que baixa só as escaleiras en penumbra. Alexandre recoméndalle que vaia para a casa e el queda alí para dar instruccións e asumir toda a responsabilidade. O segundo corresponde ás horas finais, os días previos aos 17 de agosto. Está preso nos baixos da antiga Escola Normal agardando que se execute a sentenza mentres a familia fai xestións para salvalo. Acompáñano algúns amigos, entre eles Evaristo Mosquera, para facer máis levadeira a espera. Son horas dramáticas, que pasan xogando cun improvisado xadrez de papel. No intre decisivo, Alexandre asume o final con unha dignidade e unha nobreza que asombra aos que o acompañan. Cando chega o piquete de soldados que o traslada á Caeira, abraza os amigos e di unha última frase conmovedora: “Sede valentes”.

Alexandre Bóveda é un símbolo da resistencia ao fascismo, da dignidade, da intelixencia e o traballo postos ao servizo dun ideal, dunha causa nobre, dun pais. Matárono no mellor da vida, cando tiña 33 anos e un cartafol no que estaban deseñadas todas as arelas de xustiza e progreso para a súa Terra, para a súa xente. É o gran símbolo da Galiza Mártir, da Galiza valente, solidaria, soberana.

Hoxe levaremos simbolicamente flores á tumba de Alexandre, ás tumbas dos heroes, aos mortos daquel verán de cunetas rebosantes de sangue boa, xenerosa. Aos que ficaron encerrados nas casas, enterrados nos sotos; os recluidos nos recintos da loucura e do pesadelo; os atrapados no carrusel interminábel do silencio e a culpa; os que tiveron que calar, gardar para si a amargura da derrota; os corpos dos homes e mulleres desaparecidos no silencio da historia, enterrados debaixo de 78 anos de esquecemento.

Hoxe poremos simbólicamente flores en San Amaro para Otilia Meis e para Josefina Arruti. En Lérez para Custodia Gama. En Marín para Carmen Pesqueira “A Capirota”. En Vilaboa para Pepa do Tombo e Lola Cerqueiro. En Cidade de México para Isabel Gómez Costas e en Buenos Aires para María Miramontes. Para Abelardo Sobral na ría de Vigo, entre Domaio e A Guía. Nas augas frías das Cíes, para Rosario Hernández "A Calesa". Para os asasinados do Anguiero no mar de Cangas... 

Hoxe poremos simbolicamente flores nas gavias para os mortos sen nome e sen tumba. Para os corpos que non volveron.

xoves, 23 de outubro de 2014

Figueirido


Carmen tiña 11 anos cando foi por primeira vez ao Lazareto. Leváballe comida e roupa ao seu curmán, o mestre Manuel Ruzo Boullosa, preso político na illa. Manuel era mestre en Rodís (Lalín) e no verán do 36 refuxiouse en Figueirido. Antes de ser detido, procesado e depurado, tivo tempo de identificar, na Volta da Tioira, os corpos mutilados de dous mestres amigos seus. Na illa tamén estaba naquel tempo recluído o veciño de Salcedo Manuel Farto Montes, co que Carmen acabaría casando dez anos despois.

A familia de Carmen tiña unha taberna, “El Sol”, na encrucillada da estrada que sobe de Figuerido ao Cuartel e ao Lago Castiñeiras. “El Sol” era lugar de parada e comida dos militares. Era tamén lugar de paso obrigado para as reas de presos que chegaban en vagóns de gando á estaciónde Figueirido e eran trasladados a pé, en fileira de un e atados entre si, ao longo de 2 km até ao cuartel habilitado como cárcere.

A partir de 1937, cando o cuartel de Figueirido se transformou en centro de reclusión de presos políticos, chegaron dúcias de mulleres asturianas que se trasladaron ás proximidades da prisión e que vivían alugadas en casas particulares de Figueirido, Postemirón ou Salcedo. Periodicamente, achegábanse á prisión para levarlle roupa e comida aos seus parentes e a outros reclusos coñecidos. As familias que non puideron trasladarse buscaban axuda nas mulleres da contorna, que se convertiron en madriñas dos presos.

Carmen comezou a ir á prisión en 1940, con 16 anos. Tamén ían Zulema, Isabel e Elba Boullosa, da Casa Riestra, a outra taberna da localidade. Xunto con outras moitas mulleres, ao lado do cura da parroquia, don Jesús, compuxeron páxinas de xenerosidade e amor sen límites naquel espazo de terror e morte que se pretendeu borrar nas néboas do tempo. 

Mais hoxe voltan as voces que nos falan para que non triunfe o esquecemento imposto. Voces que falan da fame, da enfermidade, da loucura, da morte. Historias de miseria, de horror e de heroísmo nas paredes frías dun cuartel militar que hoxe oculta a súa faciana de lugar do terror fascista. Hai aínda moitas historias por escribir, moitas vidas por contar. Tamén as historias de amor que floreceron entre os muros da prisión, coma a do preso asturiano Fernando Gurrea, que casou coa veciña de Paredes Enedina Conde, filla de Emilio e Pepa do Tombo. Ou a de Elba Boullosa, que coñeceu no cuartel ao preso Manuel Cortizo, de Bueu, co que tamén acabaría casando.

Son só unha pequena parte do interminábel libro do esquecemento, que paseniñamente imos compoñendo con retallos da memoria rescatada. Mais o relato non será completo mentres non se honren unha a unha as vítimas do terror fascista en Figueirido, mentres non se recoñezan os crimes, e mentres unha lousa de silencio oficial siga a ocultar a verdadeira historia do cuartel militar.

PD. Na memoria dos presos do cuartel de Figueirido, das familias que se trasladaron a vivir nos arredores, e dos homes e mulleres da contorna que lles axudaron. Para a familia de Enedina Conde, que os seus 100 anos vive en Venezuela privada do recordo. E para Mercedes Farto Acuña, filla daquela moza, Carmen Acuña Boullosa, que entrou por primeira vez con 16 anos no cuartel de Figueirido e que non quixo esquecer. Mercedes Farto participou o domingo 22 de xuño no acto que o colectivo A Regaduxa organizou en Postemirón sobre a prisión franquista de Figueirido.

martes, 21 de outubro de 2014

AS ACTAS DO TERROR: MARCAS NA PEL

Para Mariví Villaverde, por transmitirnos a memoria e a esperanza

As feridas seguen aí, as marcas na pel, as cicatrices. Non se dan borrado, porque durante décadas formaron parte da memoria agochada, confiscada, proscrita. E ese tempo de negación, de silencio e de dor deixou unha pegada profunda, ideolóxica e psicolóxica, nunha colectividade que interiorizou o terror e transmitiu o trauma. Só a verdade, o coñecemento histórico, e a revelación desas memorias soterradas, poderá liberarnos do peso do pasado, da asfixia moral e mental dun tempo que teima en permanecer con nós. 

Non se gardan as actas do terror invisíbel, non existen imaxes nin documentos de tantos crimes impunes. Dos secuestros, das violacións, das malleiras. Das noites de insomnio. Das secuelas. Dos milleiros de mulleres rapadas, marcadas, sometidas psicolóxicamente mediante a exposición pública, a humillación, a vergoña. Unha e outra vez, o castigo exemplarizante para as que ousaron sair do espazo marcado, militar en organizacións sindicais e políticas de esquerdas, vestir camisas vermellas, entoar himnos revolucionarios e levar bandeiras nas manifestacións. Para as que eran nais, irmás, fillas, compañeiras, obrigadas a percorrer a praza pública coa cabeza rapada nun desfile interminábel, forzadas a bailar espidas, a varrer as rúas rodeadas de insultos e miradas de odio...; obrigadas a bautizarse, a chamarse Lucrecia ou Berta cando eran Democracia e Libertad.

Mariví Villaverde deixou en “Tres tempos e a esperanza” o relato minucioso da tortura a que someteron a varias mulleres da súa familia. A tía Luísa voltando do cuartel da Falange derrotada, humillada; a tía Luísa pechada durante días no seu cuarto con aquel pano atado á cabeza. A tía Carmen, desafiante ante a miseria daquel acto infame: “Ai que ben, que me ides aforrar por un tempo o perruqueiro”. Quedaron poucas imaxes deses días de terror, mais Mariví levou na súa maleta de exilada unha fotografía que resume toda a dor que sufriron as súas tías. A dor de todas as mulleres aldraxadas. A cabeza rapada de Juana Otero, as marcas na pel, as letras gravadas con nitrato de prata na súa fronte, os ollos abatidos, o silencio, a vergoña. Unha fotografía que é un xigantesco documento da memoria e a acusación definitiva polos crimes nunca xulgados e por unha xustiza por sempre postergada. E seguen aí as cicatrices, as feridas, o nitrato de prata, as marcas na pel e na alma. Agrandadas polo esquecemento, pola amnesia, pola amnistía. E ainda que lembrar doe, cómpre abrir as feridas, airear as memorias proscritas, sacar á luz todas as imaxes, dar a coñecer todos e cada un dos nomes. Para que triunfe a verdade. Para que gañe a xustiza e consigamos derrotar para sempre todo o mal que fixeron.