martes, 8 de setembro de 2015

MEMORIA DO BUEU FRATERNO

Para Josefa Lobeira, que en setembro cumpriría 116 anos. Co maior dos arrolos.

Antes de que o mataran xuntounos a todos. A Josefa e os sete fillos. Contoulles o que lle dixo o Massó do tempo da infamia, José María, o dono da vila. Ofreceulle traballo na fábrica. Díxolle que se renunciaba, se poñía o uniforme da Garda Cívica, non lle ía pasar nada a el e á súa familia. Moitos deron a volta, el non. Vaste arrepentir, aquí tiñas o porvir teu e dos teus fillos...
Xuntounos a todos e díxollo así, para que soubesen quen o había matar:

-Se me pasa algo a min o culpábel é el.
El non o matou. Pero como se o matase, porque el era o señor da vila e decidía sobre a vida e a morte. Despois estaban os asasinos, os matarifes, os que levaron a Ricardo Gómez Buceta, os que o foron matar a Marín unha noite de decembro de 1936
http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es/2015/06/bueu-1936-i.html

Un daqueles pistoleiros nocturnos chamábase Collazo. Era de Rianxo. A súa muller celebraba as xestas do home cun retrouso abominábel: Cada vez que mi marido mata un rojo, me como un pollo. Seica tempo despois acabaron desprezados, illados. Seica voltaron para Rianxo. Seica alí mataron a Collazo...
A familia Gómez Lobeira ficou á intemperie. Sentiron o arrepío do medo. A dor da aldraxe. As noites de insomnio. Os golpes na porta de madrugada. Mais Josefa e os oito fillos que quedaron con ela (o oitavo levábao no ventre cando lle mataron o home) sentiron tamén a calor dun Bueu fraterno, xeneroso, solidario. Os rapaces baixaban á praia e sempre había barcos que chegaban con peixe fresco para matar a fame, para vender polas casas, para sobrevivir a aquel tempo de silencio.

E aquela familia humilde e honesta, aquela familia que tivera que vender propiedades para pagar unha faLsa débeda do home asasinado, aquela familia levou consigo ao exilio a memoria do que pasara, a gratitude a case todo Bueu (Que me perdoe a xente se non a lembro).
Aos patróns dos barcos que traían aquelas patelas de peixe fresco e xeneroso:

Paco González Paco Pito
Edelmiro González

Os irmáns Quinteiros, Ramón e Celestino
Manolo O Relo

Chuco Loira
O señor Corrales

Manuel Ríos
Pancho Curra

José Juncal Pepe de Mighelito
Medraño O Vello

O Canteiro, o que casara coa Conasa, que a raparon
Chuco Santos

Manuel de Socorra, patrón de Aldán
O señor Francisco da Canteira

...
No exilio de Montevideo Josefa foi a mellor nai do mundo, a mellor avoa. Nunca deu a esquecemento. Mantivo sempre accesa a chama da memoria, da vida honesta, da dignidade familiar. E transmitiulla aos seus. E deixou un escrito que é dun descomunal monumento da memoria. A denuncia do crime. O rexistro da dor. A procura insacíabel dunha xustiza que había voltar, ao cabo do tempo, -como o peixe fresco do 36- como un abrazo de todo o pobo do Bueu.

 
PD O sábado 5 de setembro de 2015 Ricardo Gómez Buceta, xunto con outros traballadores do concello de Bueu, xunto co alcalde asasinado, Xohan Carballeira, e cos concelleiros fusilados, encarcerados e perseguidos... recibiron a homenaxe da corporación e do pobo de Bueu.

Fontes e agradecementos

A miña gratitude a Julio Gómez Lobeira, fillo de Ricardo e Josefa, que me abriu de par en par as portas da memoria familiae e do Bueu fraterno o 27 de xullo de 2015.

O meu agradecemento a Xosé Novas, da Asociación Xohan Carballeira, que me levou ata el e me cedeu o manuscrito de Josefa.

luns, 31 de agosto de 2015

ISABEL GÓMEZ COSTAS VOLTA Á TERRA


Na memoria de Silo Cal Muíños e Amélia Cal Brandao
Para Luísa Tiago de Oliveira, por descubrir a fermosa historia de solidariedade das casas refuxio do Porto


En decembro de 2014 escribín neste blog un artigo sobre o exilio invisíbel de Isabel Gómez Costas. Falaba daquela do asasinato do seu home, o médico redondelán Telmo Bernárdez, fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936. Falaba da persecución dos dous fillos maiores, Telmo e Suso, mestres os dous, depurados e encarcerados. Telmo foi condenado a cadea perpétua e estivo preso en Pontevedra, Ponte Caldelas, San Simón, Figueirido e San Cristóbal (Pamplona). Saiu en liberdade en 1940 e despois de pasar por Portugal exilouse en México en 1947.

Suso estivo preso en Redondela e San Simón. Cando saiu en liberdade, a finais de 1936, pasou a fronteira cara a Portugal, e estivo un tempo refuxiado no Porto, na casa solidaria de Silo Cal Muíños (natural de Redondela) e da súa muller, Amélia Cal Brandao. A mesma casa que a finais de 1937 lle deu protección e agarimo a outra irmá, Isabel Bela Bernárdez (tamén mestra depurada, ameazada, perseguida), e á nai, Isabel Gómez Costas, e aos fillos pequenos que levou canda ela ao exilio, nunha viaxe de dous anos (finais de 1937- finais de 1939) con estadías en Porto, en París, en Nova York e finalmente en México.
Falaba en fin dunha existencia imposíbel na Redondela posterior ao golpe de Estado do 36, da perda e da derrota, da dor e da dignidade dunha familia que se mantivo en pé, contra a Ditadura, contra a inxustiza, contra o silencio, contra o esquecemento.

Isabel Gómez Costas con cinco dos seus fillos,
no Porto (1937-38)
Dicía daquela que Isabel Gómez Costas desaparecera da Historia, que non figuraba en ningún rexistro de vítimas, coma tantos miles de homes e mulleres anónimos. Dicía tamén que me faltaban imaxes, que non tiña ningunha fotografía coa que a existencia de Isabel –e a súa memoria- se fixese presente, visíbel, real.

Entón contactei coa descendencia da familia Bernárdez Gómez, residente en México, e envieilles un extenso cuestionario para saber máis dunha historia que para min é un símbolo do sufrimento, da resistencia, do esquecemento e da dignidade. Sei que están procurando datos, imaxes, lembranzas, e que algún día poderei completar o relato sobre esa travesía chea de coraxe que protagonizou Isabel Gómez Costas.

Fotografia de Isabel
Gómez realizada
en Porto
Tempo despois foron chegando as imaxes. Procedían do Porto, primeira estación do exilio de Isabel e os seus sete fillos máis novos (a maior, Bela, tiña 20 anos, a máis pequena, Carmela, 7). Chegáronme grazas á sensibilidade dunha man amiga, a de Luísa Tiago de Oliveira, estudosa da solidariedade con que foron recibidos en Portugal –e en particular no Porto- ducias de refuxiados republicanos.


Aquelas imaxes trouxeron unha inmensa alegría. Polo que contaban e polo que significaban. Porque axudaban a completar o relato da fuxida, do paso clandestino da fronteira do Miño, do medo ao descoñecido, da estadía feliz no Porto, na casa solidaria dos Cal Brandao. Unha historia ainda por escribir... Mais sobre todo trouxeron alegría polo que significaban. Porque non hai memoria sen nomes, sen vidas, sen imaxes... As fotografías son como unha especie de retorno á casa, á Terra. Un pequeno acto de xustiza. Unha victoria na loita interminábel contra o esquecemento.


Máis entradas sobre a familia Bernárdez Gómez

mércores, 26 de agosto de 2015

BELA BERNÁRDEZ GÓMEZ NO TEMPO DAS GAMELAS E DOS ABRAZOS

Para Manolo Puga, herdeiro orgulloso da memoria familiar, do memorial de dignidade que nos legaron Luís Pereira e Ernestina Otero.


Bela Bernárdez no tempo das
gamelas e dos abrazos
Isabel Bela Bernárdez Gómez (Redondela, 27 de febreiro de 1917-México DF, 2000) era filla de Telmo Bernárdez Santomé, médico e político redondelán fusilado o 12 de novembro de 1936 na Caeira (Pontevedra) e de Isabel Gómez Costas. En xullo de 1936 tiña 19 anos e todos os soños por cumprir. Rematara os estudos do plan profesional do maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, exercera como mestra nunha escola rural de Cambados, tocaba o piano na casa familiar, gozaba nadando e practicando o remo na praia de Cesantes, e vivía feliz o noivado con Antonio Ocampo Otero.

Mais naquel verán do 36 Redondela e Galiza toda tornáronse escuras. Os pistoleiros da Falanxe, da Garda Civil, da Garda Cívica impuxeron o terror, as noites das cunetas e dos cemiterios.  En poucos meses a vida de Bela e dos seus tinxiuse de sangue e de loito. Polo pai asasinado, polos irmáns (Suso e Telmo, mestres ilusionados e comprometidos coma ela) presos no Lazareto e en San Cristóbal. Pola nai (Isabel Gómez Costas, muller coraxe http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es/2014/12/isabel-gomez-costas-muller-coraxe.html) perseguida, sinalada, condenada naquela Redondela de manifestacións fascistas, de desfiles militares, de visitas nocturnas, de misas e vixilias a favor do terror, de rapas, de malleiras, de viaxes sen retorno a unha curva, a unha cuneta, a unha praia que ao día seguinte aparecían inzadas de corpos acribillados...
Aqueles emisarios do medo tamén foron buscar a Bela para rapala porque levara a bandeira republicana nas manifestacións despois do triunfo da Fronte Popular. Mais o que quedaba da familia Bernárdez Gómez estaba a salvo, refuxida en Tameiga (Mos), baixo a protección de amigos e familiares.

Daquela tamén foran á casa de Ernestina Otero e de Luís Pereira, na procura das súas fillas Genma e Elena, mais o pai opúxose con firmeza e coraxe. E non puideron rapar a Genma. E tampouco puideron asoballar a Elena, aquela moza chea de afouteza que fora a Pontevedra amortallar o corpo de don Telmo Bernárdez, e que lle quitou do bolsillo interior da chaqueta unha estampa de Santa Genma furada polas balas. Aquela moza valente que despois amortallou o corpo acribillado de Paulo Novás. Aquela moza irada que insultou as tropas militares cando pasaron en camións para masacrar Tui.
Cando Redondela ficou ocupada polo odio, pola vinganza, polo terror; cando non era posíbel respirar; cando xa nin sequera se podía sobrevivir á fame e á dor e á derrota, o que quedaba da familia Bernárdez Gómez, Isabel e seis fillos, refuxiáronse na Tameiga natal. E desde alí, coa axuda do avogado Juan Amoedo, prepararon a fuxida cara ao descoñecido (Porto, Burdeos, París, Nova York, México...), cara a un exilio que xa duraría toda a vida.

Documento da chegada de Bela Bernárdez
a México (Secretaria de Estado de Cultura
de México)
Despois de chegar a México a finais de 1939 –logo dunha travesía por medio mundo que durou dous anos-, Bela Bernárdez comezou unha nova vida, lonxe dos soños daquela mocidade feliz que quedara atrás para sempre. Afastada da luz que impregnara os primeiros días de xullo, das tardes de sol na praia de Cesantes, dos sorrisos da rapazada da escola de Cambados, do sabor dóce dos bicos de Antonio, ...
Nunca máis voltou a Redondela. Nunca máis foi feliz como o fora alí. Tampouco cando xa nos anos 40 Antonio Ocampo, o seu mozo de xullo do 36, viaxou a México e souberon definitivamente que el non podía ficar alí, e que ela non podía volver. Porque aquel noivado, aquela felicidade, aquela casa na que soaba o piano, aquela vila apacíbel, aquelas tardes de gamelas e abrazos furtivos formaban parte dun tempo para sempre clausurado.

 
Fontes
-Entrevista a Lucila Pereira Otero (Proxecto Nomes e Voces)

-Entrevista a Clementina Villar (Proxecto Nomes e Voces)

-Conversas con Manuel Puga

-Gonzalo Amoedo e Roberto Gil Moure: Redondela, crónica dun tempo pasado, Ediciós do Castro
-Mestras de Redondela (1900-1945), Asociación de Mulleres Xanela

 

 

domingo, 2 de agosto de 2015

A CASA SOLIDARIA DA PORTELA (I)

Para Faustino da Portela e para todas as persoas que fixeron da solidariedade unha norma de vida

Faustino Otero Beloso, Faustino da Portela, naceu o 2 de agosto de 1891. De rapaz ía ás sollas e aos bojóns co seu pai e así foi aprendendo todos os segredos daquel mar interior, desde a Boca da Ría e Os Cobres até Rande, A Portela e Cesantes.

Libreta de mariñeiro de Faustino Otero

Co tempo, Faustino complementou o traballo de mariñeiro co transporte de persoas e mercadorias entre San Adrián dos Cobres e Redondela. Tiña un galeón, O Bedrines, dedicado ao transporte, e unha buceta, A Lola, que utilizaba para a pesca. O seu fillo Faustino Otero Lino, nado en 1913, acompañouno desde moi novo nas travesías da ría e nas noites das sollas e bojóns.
Cando en outubro de 1936 se habilitou o antigo Lazareto de San Simón como prisión, Faustino Otero Beloso e o seu fillo encargáronse do transporte de víveres á illa. Mais non só levaban os encargos dos administradores da prisión. Aqueles homes e as mulleres da casa protagonizaron unha historia de solidariedade que acendeu unha luz de esperanza no horror daquel tempo de infamia.
Pola casa da Portela pasaban os paquetes de comida e roupa que enviaban as familias dos presos que vivían máis lonxe, no Pais Basco e Cantabria. Contan que Faustino repartía as pertenzas dos que máis tiñan cos presos máis necesitados. E na casa da Portela organizouse a maior rede solidaria de todos os cárceres galegos: unha rede de bolsas que cosían Bernardina Lino, a muller de Faustino, e as súas fillas Teresa e Lola, e que recollían as mulleres de Redondela e Cesantes para lavar a roupa dos presos do Lazareto. E para mandarlles cartas e alimento e agarimo a aqueles homes exhaustos, derrotados, aillados, afastados das súas casas e das súas familias, recluídos naquela “illa dos amores, para a morte confiscada”.

Faustino Otero na casa da Portela
A partir de outubro de 1938, Faustino tamén foi o encargado do abastecemento do Upo Mendi, o barco prisión fondeado na ría, entre o Lazareto e a Portela. Os case mil presos barcos e cántabros que malvivían nas adegas daquela prisión inmunda sobreviviron a aquel horror grazas á solidariedade da casa da Portela e á de moitas familias de Redondela. Coma a de Ernestina Otero, na que lavaban a roupa e recollían comida para os presos e mesmo organizaron unha actuación do coro do barco en Redondela e un xantar na súa honra. http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es/2014/12/as-actas-da-dignidade-as-mulleres-da.html
Porque naquel tempo as cantigas eran unha maneira de devolver as atencións, eran coma unha ofrenda de amizade daqueles homes que pagaban con cancións e con caixas e xoguetes tallados en madeira as mostras de xenerosidade:

       Upo Mendi cacharrito arruinado

        que no vales para nada

        Yo paso la vida a flote

        sentado en mi camarote

        sin poderme distraer

        Veo venir a Faustino

        con la comida sin vino

        para poderla tragar...
 
Os homes que sobrevivían na escuridade e na miseria das adegas daquel barco, infestado de pulgas e ratas e piollos, coñeceron a grandeza daquelas xentes honestas e xenerosas, a grandeza daquela casa humilde da Portela na que se concentrou a solidariedade das terras todas de arredor. A casa á que chegaron tamén os falanxistas no verán do 36, Josesito e os seus secuaces, que foron á casa de Faustino buscar as moedas de prata que el se negou a entregar. E foi talvez a partir dese día cando soubo de que lado tiña que estar, cando soubo da inxustiza, dos abusos e do terror co que tería que convivir: as noites da “raposa”, cando sacaban os presos camiño dunha curva e soaban os disparos no escuro, contra Soutoxusto ou a Concheira; as noites das motoras rumbo á Boca da Ría, onde fondeaban os corpos que o mar nunca devolveu.

A partir daquel verán, Faustino da Portela, a súa muller Bernardina Lino, as súas fillas Lola, Teresa, Estrella, Carmela, os seus fillos Faustino, Fernando e Ramón, convertiron a súa casa no epicentro dunha historia de coraxe e solidariedade que enche de luz, coma unha victoria póstuma e definitiva, todos os días de terror, todos os días de infamia a bordo da illa e do Upo Mendi.


Fontes

- Entrevista a Mariló e Rosa Otero, netas de Faustino da Portela (febreiro de 2015)
- Entrevista a Carmela Otero Lino, filla de Faustino e Bernardina (febreiro de 2015)
- Gonzalo Amoedo e Roberto Gil Moure: Redondela, crónica dun tempo pasado, Ediciós do Castro, 2002.

A miña gratitude a María Varela, que me levou até a memoria viva das mulleres da casa da Portela.
 

martes, 23 de xuño de 2015

BUEU 1936 (I)


RICARDO GÓMEZ BUCETA NO TEMPO DA INFAMIA


A Ricardo fórono buscar os falanxistas de Bueu ás 7 da tarde do 21 de decembro de 1936. Dixéronlle que tiña que facer unha declaración. A súa muller, Josefa Lobeira, preñada do oitavo fillo, foille levar a cea ao cárcere do concello. Ao día seguinte foille levar o almorzo e xa non estaba. Ela e mais Rosalía, a irmá de Ricardo, fórono buscar a Castiñeiras e a Marín. Mais o seu corpo acribillado nunca apareceu.

Ricardo traballaba como depositario e administrador do concello de Bueu. Militaba no Partido Galeguista, e era compañeiro e colaborador do alcalde, Pepe Cueva (Johan Carballeira). Antes de matalo perseguírono con saña. Cóntao a súa muller nun estremecedor escrito, no que deixou testemuño da crueldade con que foi acosada a familia. Unha nota manuscrita que sinala tamén ao principal responsábel da morte de Ricardo: José María Massó.
Antes de matalo, sometérono ao descrédito e á vergoña. Á humillación denigrante. Acusárono dun desfalco de 3.170 pptas nas arcas do concello. Suspénderono de emprego e soldo e a familia tivo que vender dúas propiedades para pagar a cantidade reclamada. O 31 de decembro de 1936, días despois do asesinato, un informe externo propón a anulación da suspensión de emprego e soldo e da destitución. En xaneiro de 1937 o concello fai público un anuncio solicitando a súa reincorporación ao posto, e en febreiro acorda destituilo por non presentarse.

Ricardo Gómez Buceta
Era o tempo da infamia. Das águias e das pistolas nocturnas. De asasinos vestidos de azul e de sangue. Os que levaron aquela noite de decembro a Ricardo Gómez Buceta e deixaron na miseria, na dor e nunha ausencia interminábel a Josefa Lobeira, preñada do oitavo fillo. Para ela e para a súa cuñada Rosalía instaurouse o silencio, o medo, o sabor agre da derrota. E tamén a carraxe, a ira.
Rosalía Gómez Buceta percorreu todas as estacións da aldraxe e da mágoa. Despois da desesperación de buscar e non atopar ao seu irmán, volveuse tola. Estivo presa 18 días no cárcere do concello, rapárona, paseárona polas rúas da vila, sometérona ao escarnio público. Mais ela, presa tamén do desvarío, falaba sen medo, contra os falanxistas que mataran a Ricardo. E cando pasaba diante deles sacaba desafiante o pano que cubría a súa cabeza pelada.

Para Josefa Lobeira e os seus oito fillos sen pai tamén comezou daquela unha morte lenta, abafante, que se reproducía cada mañá, cada hora, cada noite de insomnio e de loito. Cada vez que se cruzaba na rúa cos asasinos, cos cómplices, cos emisarios daquel tempo de terror e de infamia que lles tronzou a vida. Nos dejaron en la miseria. Fuimos perseguidos como perros y mi hijo Ricardo de 11 años estuvo preso... Y además nos venían a golpear en la puerta todas las noches.
Josefa escribiu aquelas 18 liñas (“La triste historia de Ricardo Gómez Buceta”), que no seu trazo irregular e firme son un documento excepcional: crónica do espanto e do agravio, acta de acusación e reclamo de xustiza, relato da amargura e do rancor.

Anos despois Josefa Lobeira e os seus fillos embarcaron en Vigo, no Monte Udala, rumbo a Montevideo. Era imposíbel sobrevivir naquel Bueu escuro, afogados pola ausencia, sinalados, excluídos, confinados no silencio e na miseria. Marcharon mais levaron con eles a memoria, o orgullo, o retrato fiel do compromiso e da loita. A estampa de Ricardo e de Rosalía agardando xustiza, retornando daquel tempo de infamia e camiñando de novo polas rúas do Bueu do mar e da luz.


Agradecementos

A Pepe Novas e á asociación Johan Carballeira, por devolvernos a memoria daquel Bueu de homes e mulleres que miraron lonxe e que perderon tanto...

Fontes:
- II crónica da represión en Bueu: os homes e as mulleres 75 anos despois (Asociación Amigos de Johan Carballeira)
- Entrevista colectiva Bueu (Proxecto Nomes e voces)

 



sábado, 25 de abril de 2015

JOSEFA BARREIRO E O PAN DA XUSTIZA


Para Dionisio Pereira, construtor da memoria luminosa, resistente

Mataron a Josefa!!! Mataron a Josefa!!!
A  nova percorreu toda Vilagarcía, chegou a Trabanca, á Torre, ao Ramal, a Carril nas primeiras horas da mañá do 19 de marzo de 1937. Era o día da súa onomástica e a súa irmá Amelia preparara un almorzo especial para levarllo ao cárcere habilitado no Ramal. Mais ese día, ás 7 da mañá un pelotón de fusilamento arrebatoulle a vida a Josefa Barreiro. Contan que  a tiveron que sentar nunha cadeira para fusilala, porque non se tiña en pé das malleiras e das aldraxes que sufrira desde que a detiveron tres días antes, o 16 de marzo.

Josefa Barreiro cos seus fillos Julio, no colo,
e Valentín (Arquivo de Margarita Teijeiro)
Ese día a garda civil e os falanxistas foron á casa de Josefa, na Torre, porque recibiran por unha confidencia a información de que se agochaba alí Urbano Tarrío, veciño de Rubiáns, de 26 anos, xornaleiro e militante da CNT. As tropas rodearon a casa e tras un tiroteo sacaron o corpo sen vida do home, acribillado a balazos. E pouco despois saíu ela, desafiante na súa beleza, elegante e fermosa, vestindo un abrigo cor tella e con unha gardenia na lapela. Era no tempo do millo...

Josefa Barreiro traballaba de xornaleira e servindo nunha casa do Ramal. Militaba na CNT coma a tía do seu home, Otilia Tobío, que fora quen lle pedira que agochara a Urbano. Tiña 26 anos e dous fillos, Valentín de 6 anos e Julio, de 4. Dous nenos fermosos e felices que medraban naquela Vilagarcia chea de luz e de horizontes abertos até que a noite o ocupou todo no verán de 1936.
Josefa Barreiro non tivo dereito a un proceso, a un xuízo, a unha defensa ainda que fora en simulacro macabro e fraudulento. Os funcionarios do fascismo escribiron en prosa fría que fora “executada por orde da autoridade militar por estar incursa nos bandos de guerra”. Hoxe sabemos que foi torturada e aldraxada no cuartel do Ramal, e que foi executada por un pelotón militar nas Carolinas ás 7 da mañá do 19 de marzo de 1937. E sabemos tamén quen deu a orde daquel crime infame: o comandante militar de Pontevedra Joaquín Velarde Velarde, responsábel máximo do xenocidio na provincia.
Josefa Barreiro non tivo dereito a unha tumba, a unha lápida, a unha despedida. Foi enterrada nunha foxa anónima no cemiterio municipal de Vilagarcía. Os seus fillos non tiveron dereito a chorar, non tiveron dereito a saber da nai, de todo o que pensou e sufriu por eles nas últimas horas de insomnio e amargura. Só tiveron apenas dereito a vivir aquela vida escura, aquela infancia de xoguetes rotos, na cidade en penumbra, rodeados de mágoa e de compaixón, na dor interminábel por unha nai ausente e por un pai encarcerado. Mais estaba alí Otilia, muller valente, combatente e coraxosa, que os levou a Bilbo nos anos 40, nunha estadía previa ao exilio definitivo co pai en Francia.

Josefa Barreiro ficou aquí, recluída no esquecemento dunha tumba anónima. Ficou aquí, no buraco negro da historia, no silencio abafante dos anos e os días. Asasinárona por ser muller e colaborar cos fuxidos. Por facer do seu fogar a casa refuxio dos perseguidos. Polo seu compromiso republicano e anarquista. Os axentes do terror falanxista non podían consentir tal cousa. Por iso hoxe reivindicamos a memoria de Josefa Barreiro, a memoria de Otilia Tobío e de todas as mulleres que foron coma elas, insubmisas e rebeldes; e que por iso foron perseguidas, encarceradas, aldraxadas e asasinadas. Para que a súa lembranza permaneza viva para sempre e nos alimente co seu pan da xustiza, coa luz da vida solidaria.

Agradecementos:
A Margarita Teijeiro, polo compromiso incesante coa memoria das vítimas do terror franquista en Vilagarcía. Grazas á súa xenerosa axuda foi posíbel escribir este artigo.

A Montse Fajardo, por sacar á luz a historia da cidade resistente, da cidade combatente, en páxinas cheas de sensibilidade e amor pola xustiza.

mércores, 8 de abril de 2015

PARA UN MAPA DE AUSENCIAS


Chora, chora, que aínda che queda moito que chorar

(Palabras da muller do falanxista Manuel Palmeiro a Carmen, a muller de Manuel Pérez Curra, cando foi rapada por non desvelar o agocho do seu home)

 
Non sei como puiden vivir sen saber nada do que pasou aquí, nun lugar tan pequeno. Na parroquia de Vilaboa. No territorio que vai desde o alto do Souto, en Paredes, até Cavadachán e Postemirón. E despois polas Bancas de Casó, a Regaduxa e a Punta do Cabalo até o Lazareto, no medio da ría.

Son as marcas dun mapa de ausencias. Nomes que retornan, despois dun silencio de décadas. Sinto a necesidade de pronuncialos, para que volvan da súa derrota, da súa morte, da súa dor, de todas as inxustizas que viviron. É tarde quizais para eles, mais é urxente para nós, para o noso orgullo e para a nosa dignidade. É urxente abrir a fenda, cavar na memoria proscrita, impugnar as mentiras gardadas nos arquivos, escoitar as voces que levan tanto tempo agardando para encher de nomes o mapa baleiro. O cartafol dos ausentes.
De don Luciano del Río, o mestre de Paredes nos tempos da República, perseguido no verán do 36, depurado e sancionado, e que se negou a aceptar o desterro e a miseria da escola franquista e acabou poñendo aulas nunha academia na praza da Ferraría.

De dona Victoria Martínez, a mestra castellana da escola do Toural, que seica sabía escribir a máquina e participaba en actividades políticas con don Ramón Arines, o xefe da estación de Figueirido, e por iso foi tamén expulsada temporalmente do seu traballo.

E Faustino García Puga, que se escondeu en Paredes con Edelmiro Dios, o do ferreiro do Pino. Foron buscalos os cívicos –os matarifes do criminal de guerra Victor Lis- e deron con eles en San Adrián. Torturáronos salvaxemente na cuartel do Campo da Feira, en Pontevedra. Faustino conseguiu salvarse, pola mediación dun familiar. A Edelmiro Dios seica o obrigaron a cavar a propia tumba, asasinárono e mutilárono salvaxemente. http://anosdomedo.blogspot.com.es/2008/09/edelmiro-dios-vzquez.html

Para salvarlle a vida, a Faustino alistárono no exército franquista. Mais non puido soportar moito tempo aquela ignominia e pasou para as fileiras da República. No ano 39 fuxiu a Francia e desde alí no Winnipeg a Chile, e foi así como se foi agrandando o mapa dos ausentes.
No ano 48 tamén chegou a Chile Antonio Vidal Vilas, veciño de Paredes. Daquela xa era sogro de Faustino García, que casara coa súa filla Maruja Vidal Araújo. Foi despois de quedar viúvo da irmá de Antonio, Alba Vidal Vilas, con quen tivera un fillo que se chamou coma el, Tinucho.

A historia de Antonio Vidal Vilas, Antonio de Rogelio, resume a coraxe a a traxedia que se viviu en Paredes. É a crónica da loita, do compromiso, da supervivencia. E tamén da sorte e das casas refuxio, das mans protectoras. Antonio era segundo tenente de alcalde do Concello de Vigo en xullo do 36. Din que se salvou do paredón de fusilamento porque o levaron até Paredes nun bocoi. Estivo agochado case tres anos nun recanto escuro e humido, debaixo da cociña, separado por un muro da taberna familiar. Separado por un muro da luz do mundo, se se pode chamar a aquilo luz.
Na primavera do 39 Antonio Vidal entregouse ao gobernador Gómez Cantos. Foi todo unha trampa, díxome T., coa lucidez e a teimosía dos seus 90 anos. Mais Antonio tiña amizades –mans protectoras- e librouse do cárcere a cambio dun expediente de responsabilidades políticas que non se chegou a resolver e un desterro a Coruña. En 1940 reside na cidade herculina, onde traballa como xerente da fábrica de dominós e dados ALGALIT, situada na Avda de Viscaia, 2 e 4.

Mais Antonio Vidal non esqueceu os seus ideais socialistas e participou na reorganización do partido, aproveitando as redes comerciais da fábrica como tapadeira. En agosto de 1945 foi detido por policías da Brigada Político Social de Madrid, acusado de “actividades clandestinas de tipo socialista”. Foi condenado a seis meses de cárcere.
Unha vez que saiu da prisión, seguiu participando en actividades de loita clandestina contra o franquismo. En 1946 entra en contacto con Alejandro Gama, e colabora na reorganización do PCE. A comezos de 1947 foi detido de novo, xunto con Alejandro Gama e outros 13 compañeiros. Estivo preso do cárcere da coruña entre febreiro e agosto de 1947.

Despois de unha década de persecución, de loita e de cárcere, despois de sucesivas derrotas, Antonio escolle o camiño do exilio. No ano 1948 parte desde Lisboa rumbo a Chile, onde xa vivían Faustino García Puga, a súa filla Maruja e outros membros da familia. Morreu no ano 1952, con 56 anos de idade.
Na cartografía de ausencias figuran tamén os homes que requisaron as escopetas en Paredes e que foron a Pontevedra nunha camioneta o 20 de xullo. E as mulleres que sufriron o que non está escrito naquel tempo de infamia.

Deles sabemos que nos primeiros meses estiveron agochados nos campos de millo, nos montes da contorna, en palleiros, en alboios, en canastros... Pensaban inxenuamente, coa mesma inxenuidade coa que foron a Pontevedra o 20 de xullo, que nuns días o goberno controlaría a situación e as augas voltarían ao rego. Mais viron encherse de sangue as cunetas e entón construiron agochos que duraron meses, anos.
Eligio Rey Freijanes, canteiro de Ponte Sampaio casado en Paredes, que tocaba o bombardino e bailaba que daba gusto velo, foi o único que non se escondeu. Seguiu traballando na canteira para levar o pan á casa. Estaba viúvo e tiña unha filla de catro anos, Eugenia, que aínda lembra o día que o viñeron buscar os cívicos. Estivo preso no Lazareto, foi sometido a un consello de guerra sumarísimo, condenado a pena de morte e fusilado na Avda de Buenos Aires o 3 de marzo de 1937. Non voltou nunca dunha tumba anónima no cemiterio de San Amaro.

Os demais estiveron agochados meses, anos. Manuel Rodriguez Ríos (a) Chico Listo e Emilio Conde Conde foron detidos en 1937. Os últimos sairon á luz, se se pode chamar a aquilo luz, na primavera de 1939. Canda Antonio Vidal Vilas. José Cerqueiro Regueira, carpinteiro, veciño de Cavadachán;  Manuel Pérez Curra, labrego, veciño de Cavadachán; Manuel Mata del Río, labrego, veciño de Cavadachán; Manuel García Amoedo, canteiro, veciño de Paredes; Juan Cal Conde, canteiro, veciño de Paredes estiveron agochados desde xullo do 36 até maio do 39.
Nas actas do terror están escritos os seus nomes, os seus procesos, as súas condenas. Os anos de cárcere, de silencio e de medo. O sabor agre da derrota. Nada se di das súas mulleres, das que arriscaron a vida para salvalos. Das que sufriron o que non está escrito en ningún documento oficial.

Mais elas están no cartafol das ausencias. E volven agora da profundidade do tempo para encher de dignidade o mapa baleiro. Aí están os berros adoecidos de Lola Cerqueiro, que facían abalar as casas do Toural a Cavadachán 60 anos despois de ser rapada e aldraxada por non dicir onde estaba agochado o seu pai. E as bágoas e a dor interminábel de Carmen Martínez, a muller de Manuel Pérez Curra, rapada polos falanxistas por non denunciar ao seu marido. Chora, chora, que aínda che queda moito que chorar, díxolle a muller do falanxista Palmeiro. Carmen levaba a cabeza descuberta, non lle deixaron poñer o pano, querían que todo o mundo vise a cruz de pelo que lle deixaran gravada na caluga. E a emoción de Eugenia, aquela nena de 4 anos que aínda procura hoxe o seu pai no mapa de ausencias, aquel pai que lle colleu por última vez as mans no Lazareto. E outras moitas memorias silentes, que están agardando...
Iremos enchendo cos seus nomes o mapa baleiro. Precisámolos neste tempo de sombra, de desmemoria. Para alimentarnos coa luz do seu exemplo, para que saian do tobo da historia e nos arrolen coas súas cancións e coas súas bágoas de felicidade.